- En Malpica e Vimianzo gardarase un minuto de silencio polas vítimas de violencia machista
Varios concellos e institucións da Costa da Morte amencen este mércores tinguidos de morado, e fano para conmemorar o Día Mundial contra a Violencia de Xénero, que se celebra cada 25 de novembro.
No concello de Malpica terá lugar un acto institucional na praza do Concello, ás 12:00 horas, no que se gardará un minuto de silencio polas vítimas de violencia machista. Pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas, estará aberta a exposición das #ZoquiñasVermellas en Buño.
O municipio de Vimianzo tamén se suma á loita contra esta lacra social. A partir das 12 da mañá, e diante dos bancos pintados de violeta do paseo fluvial (tras o CEIP San Vicenzo), a corporación e traballadores municipais, xunto a representantes da Garda Civil, tamén gardarán un minuto de silencio.
Posteriormente, coñecerase o fallo en directo para dar a coñecer as obras gañadoras no concurso de microrrelatos contra a violencia de xénero.