25N | A Costa da Morte contra a violencia de xénero

1 minutes read

Con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, varios concellos e institucións da Costa da Morte puxeron en marcha actividades reivindicativas e leron os seus correspondentes manifestos institucionais como rexeitamento deste tipo de violencia.

En Malpica, a corporación municipal participou precisamente na mañá deste mércores na lectura dese manifesto, e fixérono na praza Anselmo Villar Amigo. Ademais, as zoquiñas vermellas ocuparon tamén un lugar destacado no emprazamento.

En Muxía, a concelleira de Igualdade, Olalla Benlloch, adicou unhas palabras desde o Salón de Plenos. Durante a súa intervención convidou a toda a cidadanía a «seguir amosando o seu compromiso coa erradicación da violencia contra as mulleres, e a denuncia de todas as manifestacións de desigualdade». Fixo fincapé na idea de que «as violencias machistas só se poden eliminar de raíz» e, ademais, animou á xente a que subise unha foto, reflexión ou poema nas súas redes sociais co cancelo #Muxiatoleranciacero.

Vimianzo tamén gardou un minuto de silencio por todas as vítimas. Ademais, no acto de reivindicación do 25N deuse a coñecer o fallo da gañadora do concurso de microrrelatos contra a violencia de xénero, impulsado polo propio Concello. Estefanía Martínez acadou o primeiro premio pola súa obra Vidas perdidas.