25N | Carballo lanza ‘E ti, en que punto estás?’, a nova campaña contra a violencia machista

3 minutes read
  • Nesta iniciativa, na que colaboran máis de 80 establecementos comerciais, desenvolveranse varias charlas e obradoiros para todos os públicos

Este luns o Concello de Carballo puxo en marcha, en colaboración con máis de 80 establecementos comerciais, a campaña de sensibilización social contra a violencia de xénero: ‘E ti, en que puntos estás?’. Con esta pregunta búscase provocar a reflexión e mesmo a detección de violencias machistas das que «moitas veces non somos conscientes», apuntou a concelleira de Igualdade, Maica Ures. Ata fin de mes todos os locais estarán identificados cun distintivo co lema da campaña, que este ano ten como principal destinario os homes porque «son parte imprescindible da solución», afirmou a edila.

Buscando ese punto no que homes e mulleres coincidamos no rexeitamento da violencia de xénero, o primeiro que propón o goberno local á veciñanza é que se acheguen ata a rúa Valle-Inclán convertida, grazas á colaboración do comercio, nese espazo de reflexión e detección das violencias machistas. Na esquina coa rúa Concepción Arenal instalouse un gran panel coa definición da violencia de xénero e con diferentes tipos de violencias exercidas polos homes sobre as mulleres, moitas veces sen que nin eles nin elas sexan conscientes. Alí se deron cita este luns o alcalde, Evencio Ferrero, e boa parte dos membros do goberno municipal para expresar simbolicamente o seu compromiso contra o machismo.

Ao longo da rúa tamén hai colocadas bandeirolas con mensaxes que aluden a actitudes machistas moi habituais que, sen embargo, non sempre se identifican como tales; así como paneis nos que se resume a filosofía da campaña.

A rúa Valle-Inclán é un dos puntos centrais das actividades do día 25, se ben a Praza do Concello acollerá ás 12.00 horas a xa tradicional concentración pública e a lectura dunha declaración institucional contra a violencia de xénero. Pola tarde, a partir das 16:30 horas, la vía permanecerá pechada ao tráfico para que a rapazada poida desfrutar coa carretilla violeta, unha proposta lúdica que inclúe contacontos, libros e xogos para nenas e nenos de 3 a 12 anos. Por outra banda, durante a xornada, nos establecementos participantes na campaña repartiranse con cada compra material promocional da campaña ata fin de existencias.

O día 30 tamén se desenvolverán varias actividades. Pola mañá, de 09:15 a 14:30 horas, celebrarase no Pazo da Cultura unha xornada de formación para profesionais na que participarán a educadora e especialista en violencia de xénero, Marina Marroquí, que falará dende a perspectiva da vítima; os coordinadores das Quendas de atención psicolóxica e social as vítimas de violencia de xénero de Galicia, Rubén Villar Trenco e Nerea Fernández Gómez; e a avogada e vogal da Subcomisión de violencia sobre a muller do Consello Xeral da Avogacía Española, Beatriz Núñez Vázquez, que dará a coñecer as novidades sobre a asistencia letrada ás vítimas de violencia de xénero. Será necesario inscribirse nesta ligazón.

Ademais, a partir das 20:00 horas, Marina Marroquí impartirá unha charla pensada sobre todo para pais e nais. Para asistir tamén haberá que anotarse previamente premendo no seguinte enlace.

Esta campaña de sensibilización tamén contará con obradoiros específicos con vítimas de violencia machista que se levarán a cabo nos centros escolares.