27 iniciativas reciben axudas de Agader para actividades non agrarias no rural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres unha resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, adscrita á Consellería do Medio Rural, pola que se dá conta dos proxectos subvencionados polas axudas de adquisición de maquinaria e equipamentos en actividades non agrarias. En total, son 27 as iniciativas apoiadas, cunha axuda que suma un montante global de 1,15 millóns euros. Estes fondos mobilizarán un investimento total inducido no agro galego de case 2,6 millóns de euros.

Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), teñen como obxectivo apoiar a adquisición de maquinaria e equipamentos novos, co fin de ampliar ou modernizar unha actividade empresarial existente. Poden beneficiarse as persoas físicas que residan no rural e que estean suxeitas ao réxime especial de traballadores autónomos, pequenas empresas e titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que pretendan diversificar as súas tarefas cara a actividades non agrarias na propia explotación.

Son subvencionables os proxectos destinados a ampliar ou modernizar pequenas empresas que desenvolvan actividades non agrarias no seguintes sectores e ámbitos de actividade: industrias, fábricas e locais destinados a producir bens e materiais, así como a prestación de servizos en calquera sector económico (con exclusión de empresas de maquinaria agrícola e forestal e empresas de prestación de servizos enerxéticos). Tamén, todo o relacionado coa prestación de servizos sociais, actividades recreativas, de ocio e deportivas, artesanais, actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico, actividades nos sectores da enxeñería, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, veterinaria e comercio polo miúdo de produtos non agrarios.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha