- Inician esta petición despois de recibir varias queixas de pais e nais que se sinten incómodos nos vestiarios cos seus rapaces
O Bloque Nacionalista Galego de A Laracha pedirá que se cre un espazo infantil nos vestiarios da piscina municipal no próximo pleno municipal, que se celebrará o próximo venres 27 de setembro ás 13:30 horas.
A concelleira do Grupo Municipal do BNG da Laracha, Carolina Castiñeiras Brandón, será a encargada de poñer sobre a mesa esa iniciativa que cren imprescindible nos tempos que corren, xa que «tanto nais como pais asumen a responsabilidade de acompañar as crianzas ás actividades lúdicas e deportivas». Segundo Brandón é «responsabilidade das administracións públicas promover estas actitudes e asímesmo falicitalas creando espazos axeitados cando sexa necesario».
O BNG inicia esta petición despois dalgunhas queixas recibidas por pais e nais que se sinten algo incómodos cando acoden cos seus fillos e fillas á piscina municipal ao carecer as instalacións duns vestiarios infantís ou, no seu defecto, dun espazo reservado ou máis íntimo onde os pais poidan ducharse e cambiarse coas suas fillas, en idades que rondan até os 7 ou 8 anos. Segundo a concelleira «Non parece de recibo que compartan espazo co resto de homes que usan as instalacións. Estes espazos xa existen en outras piscinas municipais da nosa contorna».
Lembran ademais que a principios deste ano se falou de que se promovería por parte da Xunta de Galicia a creación de cambiadores nos lavabos públicos, tamén de homes, para avanzar na corresponsabilidade no coidado dos bebés. «Consideramos que sería bo xuntar ambas iniciativas e levalas a cabo nas instalacións da piscina municipal da Laracha», argumentou Castiñeiras Brandón.