3.100 visóns serán sacrificados nunha granxa da Baña tras detectarse un gromo de Covid-19

1 minutes read

A Consellería do Medio Rural informou da detección dun gromo de coronavirus nunha granxa de visóns americanos situada no concello coruñés da Baña e avanzou que os 3.100 animais da explotación serán sacrificados.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) comunicou á Xunta a existencia do foco, que é o segundo coñecido nunha granxa peleteira en España despois do que se detectou en xullo na Puebla de Valverde (Teruel). Ademais, a Xunta avanzou que nos próximos días “en aplicación da normativa legal vixente e co fin último de preservar a saúde pública”, levará a cabo o sacrificio de todos os animais da explotación, que conta con 3.100 animais en total (2.500 femias e 600 machos), así como as medidas de desinfección e control do gromo.

A detección deste foco prodúcese no marco dos controis de vixilancia que se realizan ao amparo do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS- CoV-2 en granxas de visón americanos en España”, elaborado polos ministerios de Agricultura e de Sanidade. A explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural.