A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou este martes, coincidindo co 30 aniversario de Sogama, que o complexo medioambiental é un referente internacional na xestión de residuos e dá servizo ao 94% dos concellos galegos.
Vázquez recoñeceu “o traballo e o esforzo” dos presidentes que tivo Sogama ao longo destas tres décadas, facendo especial fincapé en José Álvarez, falecido hai máis de 10 anos. Pola súa parte, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, agradeceu á cidadanía o seu apoio e comprensión xa que “o esforzo diario desta empresa pública está orientado ao seu benestar e calidade de vida”.
No acto tamén estiveron presentes o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez García.
Durante unha visita ás instalacións do complexo medioambiental en Cerceda, Ángeles Vázquez puxo en valor que en Galicia “fomos quen de transformar os residuos en recursos”. Deste xeito, Sogama produce a partir do lixo non reciclable, a electricidade suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Ademais, ao longo destes 30 anos, Sogama procesou máis de 19 millóns de toneladas de residuos urbanos —unha cantidade equivalente a 95 estadios de fútbol—; recuperou máis de 610.000 toneladas de refugallos da bolsa negra e máis de 410.000 toneladas da bolsa amarela que se destinaron a reciclaxe, e xerou máis de 10 millóns de MWh de enerxía por parte das plantas de coxeración e termoeléctrica e da planta de biogás do vertedoiro de Areosa.
“Coa remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, incrementamos a súa achega á reciclaxe nun 45% e reducimos en máis dun 98% o depósito directo de residuos en vertedoiros”, explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que engadiu que Galicia poderá cumprir con anos de antelación o obxectivo do vertido técnico 0, fixado pola UE para o ano 2035.