37 beneficiarios en 2021 do Programa de navegación terapéutica para vítimas da violencia de xénero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, ven de coñecer este Programa de primeira man.

Un total de 16 mulleres vítimas da violencia de xénero e 21 das súas fillas e fillos menores de idade participaron en Baiona, o ano pasado, no programa de navegación terapéutica Vela contra a violencia de xénero froito da colaboración entre a Xunta e o Monte Real Club de Yates da localidade.
Grazas a esta iniciativa, estas mulleres vítimas e os menores ao seu cargo puideron practicar actividades adaptadas de vela co obxectivo de mellorar a confianza en si mesmas e rachar coa realidade que viven.
Para acadalo, deseñáronse recursos específicos para reducir o impacto emocional nas vítimas, coa perspectiva de minimizar o seu estado de ansiedade; acadar o máximo desenvolvemento das súas capacidades persoais, intelectuais, sociais e emocionais; fortalecer a autoestima e a súa resistencia ante as adversidades; e potenciar a empatía, a escoita activa e as relacións saudables.
Ademais co impulso deste deporte entre estas mulleres vulnerables, a Xunta contribúe a mellorar a súa saúde física e emocional, a incrementar o impulso na toma de decisións e ofrece recursos para a xestión das emocións e da comunicación.
O programa artellouse en grupos de oito membros e en actividades de mulleres e nenas e nenos. Con isto contribúese a que tanto as nais como as nenas e nenos gañen momentos de tranquilidade e poidan desfrutar da experiencia con autonomía.
As actividades, que se celebraron entre o 20 de maio e o 1 de outubro de 2021 contaron con participantes usuarias do Centro de Recuperación Integral (CRI) de Santiago como do Centro de Emerxencias para Vítimas de Violencia de Xénero de Vigo (Cemvi). O programa incluíu sesións de coñecemento da Bahía de Baiona, teoría e práctica da vela ou de seguridade na navegación.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha