A nova campaña de concienciación e control da tensión arterial e dos niveis de azucre impulsada polo Concello de Carballo comezou este xoves cunha extraordinaria resposta da veciñanza. Un total de 381 persoas pasaron polo posto instalado na Praza do Concello ao longo da primeira xornada, coincidindo co mercado semanal dos xoves.
A iniciativa está desenvolvida polo alumnado da especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais do Obradoiro Dual de Emprego “Obradoiro Lubiáns IIˮ, que se encargou de realizar as medicións e de achegar á cidadanía unha acción práctica de prevención e promoción de hábitos saudables.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures, achegáronse ao posto para coñecer de primeira man o desenvolvemento da actividade, agradecer o traballo do alumnado e do persoal responsable do obradoiro e comprobar a excelente resposta da veciñanza. Maica Ures sumouse ademais ás persoas participantes e realizou as probas de control da tensión arterial e do azucre.
A concelleira destacou que “381 persoas nunha única xornada demostran que existe un enorme interese por este tipo de accións sinxelas, accesibles e próximas á cidadanía, que serven para lembrarnos a importancia da prevención e do control periódico da nosa saúdeˮ. A concelleira salientou tamén o dobre valor da iniciativa, “porque ao mesmo tempo que ofrecemos un servizo útil á veciñanza, o alumnado do Obradoiro Lubiáns II pode desenvolver unha práctica directamente relacionada coa formación que está recibindo e en contacto real coas persoasˮ.
A campaña terá continuidade durante os próximos tres xoves, 10, 17 e 24 de setembro, coincidindo novamente co mercado semanal de Carballo, e no mes de outubro trasladarase a Coristanco, xa que o Obradoiro Lubiáns II está promovido de xeito conxunto polos dous concellos.
Desde o Concello de Carballo recomendamos ás persoas que xa dispoñan dunha libreta de control da tensión arterial e da glicosa que a leven consigo, para poder anotar os novos valores e facilitar o seguimento da súa evolución. No caso de que non dispoñan dela, facilitaráselles unha para que poidan continuar con ese seguimento máis alá desta campaña puntual.
Lembrade que estes controis teñen un carácter preventivo, e que resulta de suma importancia realizar un seguimento regular da saúde, manter unha alimentación equilibrada e incorporar a actividade física aos hábitos cotiáns.
