39.500 fogares galegos percibirán o ingreso mínimo vital

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, fixo esta estimación na sede do Instituto Nacional da Seguridade Social na Coruña, onde tramitan as solicitudes desta prestación, que se poden realizar desde este luns a través do portal de internet deste organismo. Este ingreso ngarante entre 5.500 e 12.000 euros ao ano para persoas de entre 23 e 65 anos que estean en situación de vulnerabilidade económica. Na actualidade, detallou o delegado, asínanse convenios para que se poida tramitar nos concellos e está previsto que a Seguridade Social tamén permita a tramitación presencial cando reabran as súas oficinas.

Arredor de 4.000 destas prestacións en Galicia xa están a ser tramitadas de oficio pola Seguridade Social, correspondentes a casos de familias monoparentais ou con fillos a cargo sen ingresos. Existen ademais outros 3.000 pendentes de completar documentación, polo que esta actuación de oficio podería alcanzar os 7.000 fogares, que xa percibirán a prestación este mes. Este ingreso vai acompañado por un itinerario de inserción laboral.