4 cooperativas agrarias da Costa da Morte reciben máis de 223.000 € en axudas


O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou este venres a cooperativa Ganaderías de Bergantiños en Coristanco para informar da resolución das axudas concedidas na convocatoria de 2019 para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo.

Esta cooperativa recibiu unha achega máis de 47.000 euros para facer fronte a un investimento de máis de 136.000 euros para a adquisición dunha fresadora e un tractor.

Ovidio Rodeiro destacou que “na comarca de Bergantiños-Costa da Morte resultaron beneficiadas 4 cooperativas dos concellos de A Laracha, Coristanco, Dumbría e Zas, sendo o importe total das subvencións de máis de 223.000 euros”.

Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, apostan por fomentar a adquisición de maquinaria para a súa utilización en réxime asociativo.

Trátase de mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara o mercado, así como a diversificación agrícola. Ao tempo, procúrase tamén reducir as emisións dos gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.