4 gardas feridos e 8 coches danados nunha persecución en Ordes


Os feitos ocorreron este martes pola noite, cando un vehículo negro da marca Audi circulaba polas rúas da localidade tratando de despistar a numerosas unidades da Garda Civil. O home, de 40 anos, conducía baixo os efectos de substancias psicotrópicas segundo informa a Benemérita. Durante a súa fuxida golpeou a catro vehículos da Garda Civil e un da Policía Local de Ordes, deixando catro axentes feridos leves. O coche fuxido tiña a roda dianteira esquerda picada, polo que circulaba a moi pouca velocidade. Os axentes extremaron precaucións á hora de detelo para non causar danos maiores. Finalmente, conseguiron pecharlle o paso nun dos accesos a Ordes desde a N-550. O fuxido foi obrigado a deter o vehículo, entón os axentes trataron de que saíse ao exterior, para o que tiveron que romper o cristal da porta do piloto. O condutor de 40 anos de idade foi detido como presunto autor dos delitos de atentado a axentes da autoridade, así como dous delitos contra a seguridade colectiva por conducir de forma temeraria e baixo os efectos de substancias psicotrópicas.