Por iniciativa do Concello, un grupo de corenta laracheses maiores de cincuenta e cinco anos de idade, xubilados ou pensionistas están a participar nesta semana nunha excursión por Castela-A Mancha. Onte foi a saída en autobús e o regreso á Laracha está previsto para a noite do venres. Forman parte da expedición o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.
O principal punto de destino é a cidade de Toledo. Nestas xornadas tamén coñecerán outras localidades como Talavera de la Reina e Torrijos -onde están aloxados-, ademais de visitar o parque temático Puy du Fou, que representa varios dos momentos máis importantes da historia de España. En concreto, desfrutarán do espectáculo nocturno El sueño de Toledo e tamén de eventos diúrnos e do entorno natural único dese parque.
Esta actividade enmárcase dentro da programación municipal para fomentar o envellecemento activo e ten como obxectivos principais o aproveitamento do tempo de lecer, a realización de actividades culturais, a promoción dos estilos de vida activos e saudables e favorecer a socialización dos participantes.