42 veciños da Laracha participan esta semana na excursión cultural a Portugal organizada polo Concello

A iniciativa está dirixida ao colectivo das persoas maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas. A expedición está acompañada polo alcalde, José Manuel López Varela, e pola concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, que comparten co grupo esta experiencia.

Na xornada deste mércores visitaron Lisboa, onde percorreron cun guía os lugares máis emblemáticos da capital portuguesa, coñecendo de primeira man a riqueza histórica e cultural da cidade. Un dos puntos que visitaron foi a Torre de Belém.

Nos días previos pasaron por Fátima -localidade na que están aloxados-, cunha parada destacada no seu santuario; Sintra, onde puideron achegarse ao seu patrimonio monumental; e as localidades costeiras de Cascais e Estoril, desfrutando do seu ambiente mariñeiro e do atractivo das súas paisaxes atlánticas.

O programa da viaxe completarase nos vindeiros días con novas visitas a enclaves de gran interese como Óbidos, coa súa característica vila medieval amurallada; Nazaré, recoñecida pola súa tradición mariñeira e polos seus impresionantes miradoiros; e Aveiro, coñecida polos seus canais e pola súa singular identidade paisaxística.

A excursión enmárcase na aposta do Concello por ofrecer á veciñanza propostas culturais e de lecer que non só permiten descubrir novos destinos, senón tamén crear espazos de convivencia, reforzar vínculos persoais e contribuír a previr situacións de illamento social, especialmente entre as persoas maiores.

Related posts

Rescatados por surfeiros un pai e a súa filla logo de que a corrente os arrastrase na praia Area Maior de Malpica

Aspaber 50 anos: traxectoria, compromiso e futuro

Conclúe na Laracha a acción formativa de “Operacións de Caixa e reposición”, do Programa Integrado de Emprego