A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinaron telematicamente o convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para reducir o risco de inundación no río Anllóns. Posteriormente celebrouse unha sesión informativa na que tamén participaron outros membros da corporación, tanto do goberno coma da oposición, e técnicos municipais e autonómicos.
A conselleira expresou a súa preocupación polas consecuencias do cambio climático nas canles fluviais e aludiu á importancia de tomar as medidas que permitan evitar as enchentes. O convenio co Concello de Carballo, o primeiro dos previstos en Galicia, inclúe cinco actuacións con tres tipos de medidas que permitirán paliar o problema, e coas que se aposta tamén, dende unha perspectiva medioambiental, “pola naturalización do río”, en palabras de Ethel Vázquez.
O investimento acada os 3 millóns de euros, co-financiados nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), para desenvolver as seguintes actuacións:
- Demolición de edificación, reforma da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol.
- Reforma integral do parque do San Martiño. Construcións de motas de protección fronte ás avenidas.
- Reforma da ponte da Casilla, da canle e motas de contención augas abaixo da ponte,así coma a demolición doutro edificio.
- Mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na Cepeira (Sísamo).
- Realización dun bypass no Muíño do Quinto.

A última está en fase de redacción do proxecto, e prevese que en breve se licite tamén a redacción da actuación na Cepeira. As outras tres actuacións son “máis complexas e vaise convocar un concurso aberto para redactar os proxectos”, explicou a conselleira. A idea é telos todos este ano, xa que as obras deben estar executadas a finais do 2023.
Segundo o convenio, a Xunta elabora os proxectos e encárgase da execución das obras, mentres que o Concello debe poñer a disposición os terreos. Neste sentido xa foi adquirido hai anos o edificio da rúa Sol que será derribado e tamén se mercará outro na zona da ponte da Casilla que suporá un desembolso moi importante para as arcas municipais.
O alcalde lembrou os devastadores efectos das tres grandes inundacións que sufriu Carballo nos últimos anos: o 5 de xaneiro de 1988, o 8 de marzo de 1999 e o 30 de marzo do 2016, e insistiu en que todas as medidas que contribúan a evitar este tipo de situacións de risco son benvidas. Por iso, o convenio asinado é “unha moi boa nova”, declarou Evencio Ferrero.
Plans específicos

Ethel Vázquez destacou que o Goberno galego está a traballar para estar preparados ante o cambio climático, pois cada vez é máis frecuente ter períodos prolongados sen precipitacións e episodios de chuvias intensas.
Ante este novo contexto, a Xunta dispón do Plan de Xestión de Risco de Inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
De forma paralela, o Executivo autonómico está a desenvolver plans específicos en 9 zonas fluviais de Galicia con maior risco por inundación.
Ademais desta área do río Anllóns, en Carballo, Augas de Galicia delimitou outras como as contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; do Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; do Campeda, en Vimianzo; dos Fontecova e Trasposta, en Viveiro; Bahíña e Groba, en Baiona; e do Lagares, en Vigo.
A conselleira fixo fincapé en seguir protexendo o medio natural, a actividade económica e os medios materiais e, sobre todo, aumentando a seguridade da poboación.