5 empresas ofertan para executar a senda entre Xornes e a Igrexa de San Xoán, en Ponteceso

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu as ofertas de 5 empresas para executar as obras da senda entre Xornes e a igrexa de San Xoán, no concello de Ponteceso, que suporá un investimento autonómico de 446.000 euros.

As obras previstas na estrada autonómica AC-421 ao seu paso por este municipio comezarán na vindeira primavera co obxectivo de rematalas en 2022, xa que os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.

As obras céntrase na construción dun novo itinerario de uso compartido peonil e ciclista pola marxe dereita da AC-421, que permitirá desprazamentos máis cómodos e seguros desde o núcleo de Xornes ata a igrexa de San Xoán. Esta senda enlazará coa senda xa executada en Xornes-Buño-Canta la Rana.

A nova senda entre Xornes e a igrexa de San Xoán acadará os 1,3 km de lonxitude e terá 2 metros de ancho, salvo en casos puntuais onde o ancho será maior, xa que se unirá o novo itinerario coa aliñación das parcelas para evitar que queden franxas baleiras no trazado.

A nova senda será en formigón coloreado, para facilitar a visibilidade, e disporá, nos treitos onde sexa posible, de cuneta de seguridade e franxa axardinada. Completaranse os traballos coa execución da drenaxe e das canalizacións para alumeado público e telecomunicacións.

Esta actuación busca mellorar a seguridade dos peóns nesta contorna e fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, dispoñendo tamén de mobiliario urbano, un banco que facilite o seu repouso.