Un total de 50 persoas participaron entre o pasado luns e o xoves na parte práctica e presencial do curso formativo gratuíto que lles permitirá acreditarse como guías especializados do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
A actividade ten como fin ofrecer ás persoas interesadas a formación necesaria para poder exercer axeitadamente o labor de guía neste espazo natural. Así, está enfocada en dar aos participantes as ferramentas técnicas e as bases conceptuais imprescindibles para poder desenvolver accións didácticas e de dinamización de grupos.
Cómpre subliñar que todas as persoas que remataron hoxe a súa formación práctica xa superaran unha fase teórica, iniciada o pasado 17 de abril. Esta parte expositiva contou con máis de 70 horas de instrución en liña, incluíndo materiais de apoio, autoavaliacións, exercicios prácticos e todos os recursos necesarios para desenvolver axeitadamente a función para a que se lles prepara.
Unha vez afianzados os coñecementos teóricos, o alumnado tivo ocasión de aplicar o aprendido en situacións reais nun período práctico que se estendeu desde o pasado luns ata hoxe. Cunha duración total de 30 horas e baixo a supervisión de persoal técnico do Parque Nacional, esta parte da formación desenvolveuse presencialmente nas illas de Cíes, Ons e Cortegada. Agora, unha vez superada a fase práctica, os participantes poderán acreditarse oficialmente como guías especializados deste espazo natural.