50 robots realizarán as tarefas máis rutineiras da tramitación administrativa da Xunta


O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou tras a reunión do Consello da Xunta, da compra de ata 50 robots que realizarán as tarefas máis rutineiras da tramitación administrativa para liberar aos empregados públicos deses cometidos. “Investiranse preto de 8 M€ nunha plataforma de automatización dotada con solucións de intelixencia artificial e robótica para axilizar todos estes procesos”, abundou.

Nesa liña, explicou que este contrato, que terá unha vixencia de 2 anos, permitirá dar resposta de xeito áxil á tramitación de grandes volumes de expedientes, reducir tempos de tramitación, incrementar a capacidade de tramitación das unidades administrativas, evitar que as persoas realicen funcións que poden ser automatizadas e, en xeral, dar un mellor servizo aos cidadáns.

Lembrou que o emprego destas solucións non é unha novidade, xa que a Xunta é pioneira na aplicación tanto de tecnoloxías de automatización robótica de procesos como de técnicas de recoñecemento óptico de caracteres.

A este respecto sinalou que xa está a empregar en procedementos tributarios como as autoliquidacións da compravenda de vehículos usados, nas transmisións patrimoniais, na sincronización de datos coa Seguridade Social ou na tramitación das axudas do II Plan de rescate.