- A xornada terá este ano como lema «Actuemos! Por un rural libre de violencia machista».
A Deputación da Coruña e Fademur Galicia reunirán este sábado en Vimianzo a 500 mulleres dos concellos rurais da provincia para celebrar o Día Internacional da Muller Rural.
O acto, de carácter festivo e reivindicativo, será inaugurado pola alcaldesa da localidade, Mónica Rodríguez, a presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e ten como obxectivo facer visible e recoñecer publicamente o importante papel das mulleres no rural galego.
«Un traballo moitas veces invisible nos datos oficiais, pero que contribúe de forma decisiva ao desenvolvemento social e económico dos nosos pobos e aldeas e á loita contra a despoboación no rural», afirmou o presidente provincial, Valentín González Formoso.
A xornada terá este ano como lema «Actuemos! Por un rural libre de violencia machista», tema que se desenvolverá en profundidade nunha mesa redonda coa participación de Mercedes Renda, presidenta da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Galicia e Paz Filgueira, xuíza experta en violencia de xénero.
Recoñecementos a mulleres do mundo rural
Como cada ano, durante o acto realizarase tamén un recoñecemento a mulleres e entidades do mundo rural que destacan polo seu compromiso co mundo rural e a súa aposta pola cultura, a igualdade, a innovación ou a posta en valor dos produtos autóctonos.
A presentación dun video sobre o papel da muller no rural e da representación teatral «Alegría e Felicidade» a cargo da Asociación de Mulleres de Santa Sabiña (Santa Comba) completan o programa dunha xornada que será clausurada pola presidenta de Fademur España, Teresa López, e o secretario xeral de Unións Agrarias- UPA, Roberto García.