Un total de 60.247 euros, o 80% do orzamento total do proxecto que ascende a 75.309 euros, é a achega que a Deputación da Coruña destinará a un proxecto para a mellora dos accesos, tanto a pé como para os vehículos, á praia das Salseiras en Caión, parroquia do Concello da Laracha. O convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello da Laracha foi aprobado por unanimidade no pleno que se celebrou o pasado venres, 26 de abril, na institución provincial.
Caión conta cun gran potencial turístico, o cal se alimenta de recursos básicos como a valor da paisaxe, a historia da vila e a praia das Salseiras. Neste momento o acceso á praia, tanto o que a comunica co núcleo da vila de Caión como a que vén do núcleo de Goxán, non ten un ancho viable para que pasen dous coches ou autobuses, polo que se no verán xéranse moitos problemas para chegar ao aparcadoiro da praia. Tampouco existe un acceso peonil desde o núcleo urbano, xa que hai unicamente unha senda que remata na avenida da Laracha.
Por estes motivos, o citado proxecto de mellora dos accesos á praia das Salseiras incluirá a implantación dunha senda peonil, de 250 metros de lonxitude e 1,80 metros de ancho, que comunicará de forma segura a avenida da Laracha coa praia, dando continuidade ao circuíto peonil existente. O material utilizado será formigón en color ocre, para conseguir unha maior integración no medio.
Por outra banda, mellorarase a estrada de acceso para soportar a alta densidade de tráfico que debe soportar nos meses de verán. Así, ampliarase a calzada con dous carrís de circulación cunha base de lastro artificial para que os vehículos poidan chegar dun xeito máis fluído ao aparcadoiro.
A Deputación da Coruña responde así á demanda do Concello da Laracha, que desde o ano 2010 iniciou unha serie de actuacións para facilitar o acceso e goce do borde litoral á poboación, que contemplaba este proxecto para a praia das Salseiras entre os seus principais eixos de actuación.