A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación. Zeltia Lado, participou na Coruña, na Escola de Hostalaría, na presentación do programa Retorna Cualifica Emprego co que se está a facilitar que galegos no exterior poidan volver a Galicia cun contrato estable, conectando así perfís con distintas cualificacións de fóra con vacantes laborais en Galicia de sectores como a construción, o transporte, a hostalaría ou a tecnoloxía.
Ata o de agora xa se formaron nesta escola 30 galegos no exterior e na actualidade asisten ás accións formativas outro grupo de 15 persoas. En novembro iniciarán os cursos outros 15.
No acto, ao que tamén acudiron o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería da Coruña, Héctor Cañete, e o presidente da Fundación Venancio Salcines, Venancio Salcines, (unha das entidades colaboradoras co desenvolvemento deste programa), puxéronse en valor as vantaxes desta iniciativa autonómica.
Na actualidade hai arredor de medio milleiro de ofertas de traballo dispoñibles no marco deste programa englobado na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, e están empezando a chegar os primeiros residentes no exterior para cubrilas.
Esta aposta inclúe un programa de accións formativas para a adquisición de capacidades relacionadas co posto que se vai ocupar, ao que se incorporarán cun contrato indefinido. Tamén se sufragarán os gastos de traslado e concédese unha axuda de 1.300 euros para o inicio da vida na nosa Comunidade, de xeito individual ou coa familia.