60 persoas desaloxadas e 5 trasladadas tras incendiarse unha habitación dun sanatorio no Pino

Os pacientes trasladados ao Hospital Clínico de Santiago foron os da habitación afectada e a contigua, así como tres enfermeiros do centro, mentres que o resto tiveron que ser evacuados e aloxados noutra área das instalacións.

O persoal do sanatorio, situado na parroquia de Castrofeito, en O Pino, deu a voz de alarma ao 112 Galicia pasada a 1:00 horas da mañá deste venres. Xa dende un primeiro momento apuntaban á posibilidade dalgunha persoa ferida, polo que foron eles mesmos os que decidiron evacuar aos sesenta ocupantes do nivel baixo do edificio de maneira preventiva. Pola súa parte, os pacientes do primeiro andar non tiveron que abandonalo.

Desde o 112 solicitouse a colaboración tanto de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como dos Bombeiros de Arzúa e dos axentes da Garda Civil. Unha vez no lugar, os bombeiros extinguiron as lapas en cuestión de minutos e procederon a ventilar a zona, visiblemente afectada polo fume, e a recolocar aos pacientes noutros espazos dentro das instalacións.

Así, aínda que nos primeiros intres parecía que tódalas persoas resultaran ilesas, cinco tiveron que ser finalmente trasladadas polos servizos sanitarios por inhalación de fume.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha