640 proxectos do sector primario e agroalimentario galego optan a fondos europeos


O conselleiro do Medio Rural, José González, avanzou que a Xunta recibiu 637 proxectos de pequenas e medianas empresas que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central. Sinalou, en concreto, que remitiron propostas “dende o viticultor máis pequeno ao gandeiro que precisa máis base territorial”.

Nesa liña, o conselleiro sinalou que a gran maioría das iniciativas presentadas están vinculadas -precisamente- a proxectos que demandan base territorial e lembrou que, debido á gran demanda existente no sector, a Consellería decidiu ampliar o prazo de presentación de iniciativas ata este venres 14 de maio, co fin de facilitarlles aos interesados o envío de propostas e documentación. Así, dixo, recibíronse propostas de “cooperativas de gandería de vacún de carne e de leite, de viticultura, de horta e moita demanda de aldeas modelo”, entre outras.

Cómpre sinalar que todos aqueles que queiran mellorar as solicitudes xa presentadas poderán realizalo ata ese 14 de maio, téndose en conta a última proposta presentada. De aí que o titular de Medio Rural fixera un novo chamamento á participación cidadá nesa Manifestación de interese, co fin de que todos aqueles que queiran desenvolver a súa actividade poidan optar a fondos europeos.