659 empresas turísticas están adheridas á nova edición do bono turístico #QuedamosenGalicia21


Un total de 659 aloxamentos turísticos e axencias de viaxes están xa oficialmente adheridos á nova convocatoria do Bono Turístico #QuedamosenGalicia21, unha iniciativa que a Xunta de Galicia reedita co obxectivo de seguir apoiando a reactivación do sector turístico.

Esta cifra supón un incremento do 17% no número de empresas adheridas con respecto á primeira edición do Bono Turístico, que contou coa participación de 560 empresas. Pero a previsión é que a cifra final aínda sexa maior, xa que o prazo para adherirse ao programa seguirá aberto ata finais de ano e as solicitudes seguen chegando.

As empresas interesadas -aloxamentos turísticos (excepto as vivendas de uso turístico) e as axencias de viaxe inscritas no REAT- teñen que solicitar a súa participación a través da sede electrónica da Xunta.

Unha vez aceptado e notificado como establecemento adherido, cada un deles pode publicar as súas ofertas e paquetes turísticos a través de Turespazo na web de Turismo de Galicia. As ofertas tamén están sendo revisadas e serán feitas públicas unha vez que se verifique que compren cun enfoque de calidade e coas obrigas hixiénico-sanitarias de Galicia Destino Seguro.

Apertura do prazo para solicitar o bono

A medida que se sumen os establecementos, a oferta do programa irase actualizando neste espazo web de Turismo de Galicia, onde os usuarios poderán coñecer as diferentes propostas nas que empregar o novo bono turístico.

A previsión é que os particulares poidan solicitar o seu bono turístico a partir da vindeira semana a través da sede electrónica da Xunta, a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Aberta ao conxunto da poboación galega, cada persoa maior de idade empadroada en Galicia e que non se beneficiara do bono na edición anterior, poderá solicitar un dos tres tipos de bonos: de 250 euros; de 375 euros ou de 500 euros. En todos eles a Xunta asume o 60% do importe e o solicitante o outro 40%.