O número de mortes en accidente laboral disparouse no ano 2022 en Galicia. En total, segundo as cifras provisionais de xaneiro a decembro, faleceron 67 traballadores e traballadoras en xornada laboral, aos que se suman outras 6 defuncións in itinere, é dicir, no traxecto ata o lugar de traballo ou de regreso del. As 67 mortes en xornada supoñen a cifra máis elevada dende o ano 2009 (72 falecementos) e, por exemplo, son 18 máis que as rexistradas no ano 2021.
Dentro destas 67 mortes figuran as dos 21 mariñeiros que faleceron no Villa de Pitanxo nas costas de Terranova en febreiro, no que foi o peor accidente laboral do ano no Estado. A sinistralidade laboral no mar é, de feito, moi elevada en Galicia. Entre 2010 e 2021 o sector da pesca e acuicultura, apenas con 20 mil empregados e empregadas en Galicia, sumou por si só 101 mortes, ás que aínda hai que engadir as que se produciron en 2022 entre este e outros sinistros, coma o do Albacora Cuatro.
Ademais do sector pesqueiro, en Galicia o maior número de falecementos rexístrase na industria, na construción e no transporte, mentres que o sector servizos, o que acumula un maior número de traballadores e traballadoras, é o que presenta un menor índice de mortalidade.