7 empresas ofertan para executar a mellora do firme na estrada OU-504, en Ribadavia e Cea

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 7 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme na estrada OU-504 ao paso polos concellos de Ribadavia e de Cea, que suporán un investimento de máis de 1,1 millóns de euros. A previsión e iniciar as obras a finais do verán co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano.

Trátase do reforzo e a rehabilitación do firme da OU-504 entre a intersección coa estrada N-120 en Ribadavia e a intersección coa OU-901 en Cea, en concreto, entre os puntos quilométricos 1+460 ao 1+800, e do 2+900 ao 28+080.

Segundo o treito e o estado actual do firme, realizaranse fresados e reposicións de 5 e 10 cm de espesor e disporase unha nova capa de rodaxe mediante o estendido dunha mestura bituminosa en frío tipo microaglomerado.

Para mellorar a seguridade viaria, as obras incluirán a habilitación de cunetas de seguridade de formigón, incluíndo tubo dren e recheo co material de fresado da propia obra.

Tamén se mellorarán os camiños, mediante estendido do material de fresado da propia obra e o selado mediante unha rega asfáltica. Na intervención, ademais, acometerase a limpeza e o reperfilado das marxes.

Related posts

Falece un home tras quedar atrapado por unha máquina en Silleda

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña