70 concellos recibirán axudas para redactar plans de acción local contra o cambio climático


Nun acto na Cidade da Cultura cunha ducia de representantes municipais, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que o Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución coa listaxe de concellos beneficiarios, que se suman ás 176 administracións locais que xa están a redactar un plan de acción local polo clima. Destacou que nesta segunda convocatoria se atenderon o 100% das solicitudes.

Un Plan de acción consiste na elaboración dun inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático; polo que con estas axudas os municipios poden a sufragar os traballos de asistencia técnica para a elaboración dos mesmos.

Con este paso –máis alá de cumprir cun dos compromisos de adhesión ao Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía- integran a loita fronte ao cambio climático como unha das variables que deben ter presente na definición das súas políticas, tanto para reducir as emisións e mellorar a eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.