A presentación da campaña Outono Gastronómico na súa xa XV edición, na que participan 73 establecementos de turismo rural galegos e que se desenvolverá entre os días 17 de setembro e 19 de decembro de 2021, tivo lugar en Celanova. Segundo explicou Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, esta campaña é unha aposta polos produtos turísticos galegos máis consolidados, deseñada para dinamizar a demanda turística despois da época estival e da que ao longo das súas 14 edicións celebradas ata agora xa se beneficiaron máis de 71.000 persoas que xeraron máis de 4,4 millóns de euros coas súas estadías nos establecementos de turismo rural adheridos ao programa.
O programa Outono Gastronómico en Turismo Rural de Galicia permite gozar dun menú así como contar co aloxamento aproveitando a gastronomía que presenta cada establecemento. Así, contémplase desde a posibilidade de cear nun dos establecementos adheridos ao programa (Menú Outono Gastronómico) a un fin de semana outono gastronómico (Paquete ou Fin de Semana Outono Gastronómico).
Tamén se ofrece o Outono plus, co que algunha das casas participantes, ademais da restauración e o aloxamento, porán á disposición dos seus clientes distintas outras actividades complementarias como paseos a cabalo, rafting, sendeirismo, visitas culturais, entre outros. Como novidade, todas as casas rurais participantes incluirán nos seus menús produtos galegos con certificación de calidade avalados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).
