A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentou unha nova edición da campaña “#NoCaminasSola: por un Camiño de Santiago libre de violencias machistas”, que este ano conta coa colaboración de 746 organizacións da provincia, 140 máis que o ano pasado. A iniciativa busca reforzar a seguridade das mulleres que emprenden o roteiro xacobeo en solitario mediante a difusión, en diferentes localizacións do Camiño de Santiago, de tarxetas e carteis informativos que inclúen un código QR que enlaza aos teléfonos dos recursos especializados en atención ás mulleres.
A campaña está promovida polas Unidades de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller das Delegacións do Goberno de Galicia, Navarra, Aragón, A Rioxa, Estremadura e Castela e León, comunidades por onde discorre o Camiño de Santiago. “O ano pasado puxemos en marcha esta iniciativa por primeira vez e o certo é que a información que recibimos por parte das usuarias foi moi positiva, e por iso este 2022 queremos potenciar o seu alcance. Porque o máis importante é que as mulleres sentan seguras e que gocen do Camiño”, asegurou Rivas.