795 persoas visitaron en Carballo a exposición de beléns do mundo ‘De Belén ao Finisterrae’


A exposición, que chegou por primeira vez a Galicia grazas á colaboración entre a área de Turismo do Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, converteuse nun gran reclamo para as persoas afeccionadas aos beléns, moitas delas procedentes de distintos puntos da provincia e mesmo de Galicia. A mostra estivo aberta de luns a sábado, en horario de 16.30 a 20.30, dende o 14 de decembro ata o 16 de xaneiro, e visitárona un total de 795 persoas. O día de maior afluencia foi o 27 de decembro, con 107 visitantes.

Este martes Teresa Lafragua e Xabier Santxotena mantiveron unha xuntanza co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, na que tamén participou Ángel Peña, doutor en Historia da Arte pola Universidade Autónoma de Madrid, especializado na investigación da imaxe relixiosa na Idade Moderna, o Nadal e o belén, que este mércores 18 pechará o exitoso paso da exposición por Carballo cunha conferencia titulada O belén, patrimonio inmaterial. O acto celebrarase ás 20.30 horas no salón de actos da parroquia.