8M | Ana Pontón denuncia a involución dos dereitos e condicións laborais das mulleres


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advirte da “involución” dos dereitos e condicións laborais das mulleres ante un 8M que “ten máis sentido ca nunca” nun momento no que a resposta económica á pandemia pretende asentarse “sobre a precariedade das mulleres”. Así o manifestou nun acto con mulleres que desenvolven a súa actividade en distintos ámbitos profesionais e co que o BNG rendeu homenaxe “a todas as mulleres que foron, e seguen sendo, imprescindibles” durante a crise orixinada pola COVID.

As caixeiras de supermercados, as médicas, as empregadas de residencias, as enfermeiras, as mestras e tantas e tantas outras mulleres “foron as que, desde os seus postos de traballo sostiveron ao conxunto da sociedade no peor da crise”, lembrou, para a continuación denunciar que, sen embargo, “un ano despois as súas condicións laborais, económicas e sociais non só non melloraron, senón que en moitos casos empeoraron”.