Os concellos da Costa da Morte presentaron estes días as súas programacións de cara á conmemoración do Día Internacional da Muller, que se celebra este martes. Varios estenderon as actividades de reivindicación da igualdade durante todo mes de marzo e mesmo de abril, incluíndo obradoiros infantís, obras de teatro, presentacións literarias e talleres de saúde sexual.
CAMARIÑAS
Martes 8. Concentración aberta a toda a veciñanza baixo o lema ‘Nen escravas, nen heroínas, MULLERES CON DEREITOS XA’, do colectivo Galegas8M. Será ás 12 horas na Praza da Insuela.
Venres 11. I Torneo Feminino de Balonmán en Igualdade. Organizado polo Club Balonmán Camariñas, enfrontará ás rapazas que forman parte do club ás súas nais. A cita será no pavillón Víctor Vigo ás 19 horas.
A maiores, do 7 ao 13 de marzo a Casa de Pedra acollerá a exposición fotográfica Camariñas en feminino: mulleres no mar; e ata o día 11 nos colexios da localidade celebrarase un concurso de debuxos en igualdade. A persoa gañadora anunciarase o luns 14.
VIMIANZO
Vimianzo estende o Día da Muller a todo o mes de marzo, con varias actividades culturais pero tamén a nivel político, xa que o goberno local presentará á Secretaría Xeral de Igualdade o proxecto para a creación dun Centro de Información á Muller no municipio. Por outra banda, tamén se realizará a cerimonia de promoción en sociedade do novo equipamento do equipo de fútbol de mulleres amateur que lucirán en todos os seus compromisos, de cor violeta e co distintivo IGUALDADE no frontal.
A nivel cultural, o Auditorio da Casa da Cultura acolleu este sábado a obra #2Pilgrims e agora agarda a representación de Matrioskas (sábado 12 ás 20:30 horas) e Facede o favor…. pensade (domingo 13 a partir das 18:30 horas). Esta última está recomendada para maiores de 5 anos e público familiar.
Venres 18. Presentación pública do Plan de Igualdade municipal, un documento que nace como guía para integrar a perspectiva de xénero en todos os ámbitos e accións de goberno municipais, apostando pola transversalidade como un dos obxectivos fundamentais.
Ata o 27 de marzo tamén é posible ver a exposición Nós somos elas da Deputación da Coruña. Trátase dunha mostra itinerante con 25 paneis creada pola AC Alexandre Bóveda. A exhibición pon o foco nas mulleres, retratadas no seu ámbito privado e laboral polo histórico fotógrafo de Laxe e con voz propia asinando os textos cos que dialogan as imaxes.
MALPICA
Malpica celebrará o 8M facendo fincapé na importancia da presenza feminina no deporte. Tras a lectura dun manifesto institucional aberto á cidadanía que terá lugar no centro cívico ás 11 horas, a deportista María Varela Bardanca (Carballo, 1972) impartirá unha charla no mesmo local. A recoñecida como mellor xogadora de fútbol sala da nosa terra contará a súa experiencia e valorará os cambios que se produciron nos últimos anos no ámbito deportivo en canto ao papel da muller.
A LARACHA
(R)evoluciona A Laracha é o lema do programa municipal de actividades que o Concello organizará para conmemorar o Día Internacional da Muller.
Martes 8. Dobre proposta no centro sociocultural de Santa Margarida de Montemaior (antigo Hospital dos Peregrinos). Ás 18:30 horas presentarase o vídeodocumental Mulleres que (R)evolucionan A Laracha, producido polo Concello e no que mulleres representativas de diversos sectores profesionais, artísticos e sociais expoñen a súa historia para que sirva de inspiración á cidadanía larachesa. Trasla proxección do vídeo comezará o monólogo Marcho que teño que marchar, unha divertida sesión de contos na que se reflexiona sobre os roles establecidos, a igualdade e a perspectiva de xénero a cargo da actriz Bea Campos.
Sábado 12. Representación da Valente e rebelde, a cargo de Trémola Teatro e dirixida ao público infantil (a partir de 3 anos de idade) e familiar. Será na Casa da Cultura da Laracha a partir das 17:00 horas.
CORISTANCO
O Concello de Coristanco centra a súa homenaxe en dúas xornadas cheas de diferentes actividades culturais e deportivas.
Martes 8. Presentación do proxecto Chanzo a chanzo cara a igualdade, promovido pola Administración local. A cita darase no Salón de Actos do Edificio de Servizos Múltiples a partir das 17 horas. Intervirá o rexedor, Juan Carlos García Pose.
Durante o resto da tarde haberá máis iniciativas: proxección da peza Rosalía feminista, presentación de Pioneiras 2022, inauguración do xardín vertical Chanzo a chanzo cara a igualdade, lectura dun manifesto, actuación musical e a apertura da exposición O encomio da muller de Coristanco. Ao remate de todas estas actividades servirase un aperitivo na entrada do inmoble.
Sábado 12. Andaina pola igualdade. A saída será desde o Edificio de Servizos Múltiples. A dificultade da andada é baixa e durará aproximadamente dúas horas. Inscricións no 665 294 194.
MUXÍA
A vila da Barca é unha das que estende a programación polo 8M durante todo o mes de marzo e mesmo de abril. A programación é moi completa, con obradoiros sobre saúde sexual, autocoidados e talleres para adolescentes sobre o uso correcto das tecnoloxías nas relacións.
Martes 8. Concentración e lectura do manifesto ás 12:00h fronte á casa consistorial.
Do martes ao xoves haberá dúas actividades: unha escape room para o alumnado de 3º e 4º da ESO do IES Ramón Caamaño e o obradoiro Dando a chapa no 8M, dirixido ao alumnado dos CEIP Virxe da Barca, Os Muíños e Vilarmide.
Sábado 12. Rilo & Penadique presentan a obra Asdomare. Será no salón de actos do voluntariado ás 18 horas. Público familiar.
Os días 15, 17, 22 e 24 desenvolveranse varios obradoiros de formación en relacións afectivas para a rapazada que cursa 2º da ESO. O obxectivo é reflexionar sobre a realidade social en canto as súas demandas e expectativas.
Luns 28. O Centro de Información á Muller (CIM) organiza varios faladoiros sobre a saúde, o autocoñecemento e autocoidado das mulleres. Ademais, levarase a cabo unha sesión sobre saúde sexual impartida pola matrona. Entre outros temas abordaranse as enfermidades de transmisión sexual ou a importancia de coidar o solo pélvico. As prazas son limitadas e deberán formalizarse no propio centro.
O mércores 30 de marzo e os días 4 e 6 de abril haberá novos obradoiros de autocuidado pero, desta vez, prácticos. Estas sesións darán continuidade ás anteriores. As prazas volven a ser limitadas e as inscricións deben facerse no CIM.
Obradoiros de STEAM para a rapazada. Desenvolveranse do 2 ao 9 de abril e tamén do 23 ao 30. Trátase de talleres creativos onde se reflexionará sobre o uso das tecnoloxías nas relacións e comunicacións. Inscrición previa e máis información no Centro de Información á Muller. Prazas limitadas.
CARBALLO
As actividades pola reivindicación da igualdade das mulleres na sociedade comezou en Carballo o pasado venres na biblioteca Rego da Balsa coa presentación do libro O sarcoma día a día, con Carolina Castiñeiras e Iara Mantiñán.
Martes 8. De 18:00 a 19.00 horas a Praza do Concello (ou o Mercado Municipal no caso de chuvia) acollerá diversos talleres para os máis pequenos. En Coñecemos ás nosas precursoras a rapazada coñecerá importantes mulleres que destacaron en diferentes épocas históricas e realizará, con pintura e diversos materiais, un decorado dedicado a elas. Paralelamente desenvolverase un Obradoiro de símbolos, con globos 100% biodegradables cos que os participantes crearán un símbolo feminista xigante.
A partir das 20:30 horas, na biblioteca Rego da Balsa presentarase o libro Pioneiras da ciencia en Galicia, con Manuel Rey Pan e Elena Vázquez Cendón.
Venres 11. Xornada para profesionais: A xustiza dende a perspectiva de xénero, co xuíz José Antonio Vázquez Taín. Será no Fórum Carballo ás 10:00 horas.