O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o Centro Integrado de Formación Profesional de Ferrol no que se imparten cursos de administración e xestión, enerxía e auga, fabricación mecánica, electricidade e electrónica, informática e comunicacións, instalacións e mantemento e formación e educación. Alí destacou que no exercicio 2020, que se prolongou ata abril de 2021, executáronse neste centro 18 actividades formativas por importe de máis de 521.000 euros ás que asistiron 216 persoas. Na actualidade o centro está a impartir os cursos de inglés B-1 e de ofimática.
Durante a visita informou que a Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa de contratación de persoas perceptoras de Risga para apoiar aos concellos galegos. Neste senso, na comarca de Ferrol beneficiaranse 9 concellos das axudas da Xunta por valor de 627.000 euros para contratar a 48 persoas. Na provincia da Coruña, en global, apoiarase a contratación de 191 persoas perceptoras de Risga en 37 concellos a través dun investimento de 2,3 millóns de euros.
O obxectivo da iniciativa é proporcionar aos beneficiarios a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral a través dun contrato de 9 meses de duración. A actuación busca impulsar o emprego local e mellorar a empregabilidade das persoas participantes, así como a integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego.