90.000€ para humanizar Tordoia e Trazo


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará cos concellos coruñeses de Tordoia e Trazo na execución de dúas actuacións de acondicionamento e mellora de espazos públicos para uso común. Así o comprometeu a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen asinou senllos convenios de colaboración cos rexedores de ambos municipios mediante os cales o seu departamento investirá case 90.000 euros nas dúas actuacións, o 70% do seu custo estimado total.

Concretamente, a intervención prevista no Concello de Tordoia ten como obxectivo humanizar a rúa da Igrexa da Vila de Abade a través da pavimentación da calzada e do aparcamento e da construción de dous muros de contención de formigón armado. Así mesmo, o proxecto tamén prevé acometer a sinalización horizontal deste espazo e completala co pintado de liñas horizontais de aparcamento e a colocación de varandas de protección.

O custo total estimado para esta actuación ascende a 89.537,07 euros, dos cales a Consellería de Medio Ambiente achegará 62.675,95 euros. Unha vez contratadas as obras, o prazo de execución previsto é de seis meses polo que a humanización da rúa podería estar rematada este mesmo ano.

Polo que respecta ao convenio co Concello de Trazo, as actuacións comprometidas teñen como fin completar a rede de abastecemento municipal para levala ata o lugar de Cambel de Abaixo, na parroquia de Xavestre, unha zona que recibe auga potable na actualidade a través da rede de Cambel de Arriba. Para dotala dunha infraestrutura propia, o proxecto contempla a execución de desaugamentos e válvulas de corte así como a instalación dun hidrante para o servizo de bombeiros. Así mesmo, tamén está previsto acometer a reposición do firme dos camiños municipais por onde transcorre a tubaxe.

O convenio asinado contempla para estas obras un investimento total de 38.986,14 euros, dos cales o departamento que dirixe Ángeles Vázquez achegará o 70% -é dicir, 27.290,30 euros-. Unha vez contratadas, terán un prazo de execución de dous meses, polo que poderían estar rematadas e xa en servizo este mesmo ano.

Alcalde de Trazo.