Tal e como subliñou o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, na comarca de Ferrolterra concedéronse 99 axudas por un importe de máis de 617.000 euros, dunha convocatoria que cubriu o 80% do investimento.
O programa ofreceu apoios directos a autónomos e pemes de menos de 50 traballadores, sendo a axuda mínima de 1.200 euros e máxima de 20.000. Ademais, incluíu a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos gastos realizados.
Entre as características das solicitudes de apoios presentadas, destacou a dimensión dos proxectos de adecuación dos exteriores, xa que unha parte importante dos restaurantes e cafeterías solicitantes acometeron reformas substanciais nesa parte dos seus locais. As axudas facilitadas polo programa puideron destinarse a cubrir os gastos e investimentos realizados para instalar pechamentos estables ou elementos desmontables que sirvan de illamento ou protección, renovación do mobiliario, instalación de sistemas de iluminación e aparatos calefactores nas terrazas, así como de mellora da fachada exterior dos establecementos.
En canto aos apoios destinados a sufragar os gastos de adquisición de elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local, é de salientar a gran cantidade de solicitudes presentadas, o que indica que unha parte relevante dos establecementos hostaleiros da Comunidade incorporaron ou reforzaron este servizo entre as súas actividades.