Vimianzo | Lavandeira de Castrelo contará cunha nova rede de saneamento

1 minutes read

Comezan as obras para dotar ao lugar de Lavandeira de Castrelo, no concello de Vimianzo, dunha rede pública de saneamento que dará servizo a practicamente todas as vivendas que compoñen este núcleo.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, visitaron a pasada semana o lugar xunto co director de obra para escoitar as peticións dos veciños e veciñas en relación a este proxecto. 

Así pois, instalarase unha estación de depuración preto do rego da Lavandeira, e respondendo ás necesidades aportadas pola veciñanza. Estudaranse, ademais, outras novas que non están reflictidas no proxecto. As vivendas sitas no lugar de actuación atópanse no tramo da CP-9203 e no núcleo rural atravesado pola estrada municipal. O colector discorrerá por estas vías de comunicación, evacuando as augas residuais por gravidade na depuradora proxectada.

A través da iniciativa, que conta cun investimento total de 56.388,48 euros con cargo ao POS 2019 da Deputación da Coruña, preténdese ofrecer un servizo moi necesario e demandado pola veciñanza da contorna que, á súa vez, terá importantes beneficios medioambientais. As actuacións neste tramo responden a unha parte desta parroquia e “executaranse traballos noutros lugares da mesma en tanto se poidan cubrir estas intervencións en materia orzamentaria”.

“A través desta actuación conseguiremos eliminar pozos e fosas sépticas, mellorando a situación medioambiental da zona e previndo a súa contaminación, xa que suprimimos o impacto que poden causar as augas residuais do núcleo sobre o solo, o subsolo e augas superficiais ou subterráneas”, explica a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez.