A Xunta e o Concello da Coruña asinan o convenio para construír o novo CHUAC

1 minutes read

A sinatura deste convenio prodúcese despois de que o pleno municipal, cos votos a favor de socialistas e o PP, o aprobase a pasada semana, e un día despois de que o Consello da Xunta tamén dera luz verde ao documento, que xa comezou a xestarse en maio do pasado ano e que finalmente recibiu o impulso definitivo despois do encontro que o presidente da Xunta e a alcaldesa mantiveron o pasado mes en San Caetano.

A construción do novo hospital vai supoñer un investimento de máis de 450 millóns de euros nos próximos anos; destes, máis de 431 son os que achegará o Goberno autonómico. A maior parte dos cargos serán para as obras do novo hospital, deixando preto de cen millóns de euros para equipamentos e instalacións tecnolóxicas. Cómpre destacar tamén que esta é ademais a primeira visita de Alberto Núñez Feijóo a María Pita en máis de cinco anos.

Feijóo quixo destacar a disposición do municipio para desbloquear e cooperar no desenvolvemento desta infraestrutura.

Non en van, este convenio activa un proxecto no que a Administración autonómica se encargará da tramitación urbanística, dos proxectos técnicos necesarios e de asumir todo o procedemento de contratación, execución e pago das obras de construción do Novo CHUAC.

E o Concello asume o custo da adquisición dos terreos necesarios para a materialización do novo recinto e o custo da execución dos accesos e das conexións viarias necesarias; a posta á disposición do Servizo Galego de Saúde dos terreos dunha parcela dotacional pública municipal; a tramitación das licenzas e disposición dos servizos básicos; e a exención do IBI, así como outras taxas municipais aplicables.