Aprobado o proxecto da estación de autobuses da intermodal da Coruña

1 minutes read

A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia autorizou, sen ningún voto en contra, o proxecto para a construción da terminal de autobuses integrada na estación intermodal da Coruña-San Cristóbal. Con este novo paso, dáse por finalizada a tramitación desde o punto de vista urbanístico e o proxecto entra xa na súa recta final, pendente tan só agora de sometelo á consideración e aprobación do Consello da Xunta.

A decisión da Comisión Superior de Urbanismo prodúcese cando aínda non se cumpriu un mes desde que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático dera por finalizada a tramitación medioambiental do proxecto. Así, o pasado 8 de xaneiro emitiu o seu informe de impacto ambiental (IIA), no que concluíu que non eran previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente pola construción da nova terminal coruñesa.

Unha vez recibida a autorización ambiental e coa axilidade que require un proxecto clave para a cidade da Coruña como é a futura estación intermodal, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo seguiu adiante coa tramitación e, tras recibir todos os informes sectoriais preceptivos que foran solicitados, elevou o proxecto á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, que informou favorablemente os aspectos urbanísticos do dito proxecto, antes da súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta.

O proxecto da estación de autobuses da Coruña-San Cristóbal está promovido pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, e ten por obxecto a construción dunha nova terminal de autobuses na cidade herculina, que se localizará adosada á actual estación de ferrocarril, no espazo existente que se desenvolverá en paralelo entre a avenida da Sardiñeira e a traza ferroviaria.