O novo GES de Noia permitirá mellorar a atención de emerxencias en Noia, Lousame e Porto do Son

1 minutes read

Así o manifestou o deputado de Promoción Económica da Deputación da Coruña, Blas García, que participou telemáticamente no acto de constitución do novo GES noiés xunto ao alcalde da localidade, Santiago Freire, o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

Blas García afirmou que a posta en marcha desta nova base do GES “pon de manifesto que nunca debeu suprimirse o servizo que xa existía na localidade”; en referencia á base do Grumir (antigos GES) que foi suprimida en 2013.

O deputado provincial resaltou o traballo conxunto de Xunta e Deputación no relativo ao eido das emerxencias e apoio ás agrupacións de Protección Civil da provincia.

García sostivo que Xunta e Deputación teñen por diante dous retos importantes este ano: Definir o novo convenio dos GES (a Deputación financia actualmente con 748.000 euros ao ano o 40% dos gastos das bases existentes na provincia) e a posta en marcha do novo parque comarcal de bombeiros que dará servizo á área de Compostela.