Carballo | O IES Monte Neme quedou segundo no concurso de curtas “Senda dos Faros”

1 minutes read

A Xunta de Galicia vén de facer públicos os premios do concurso de curtas Senda dos Faros, o certame escolar que naceu co obxectivo de poñer en valor a lingua, o patrimonio e a paisaxe da costa galega a través do audiovisual, e cuxo primeiro premio desta edición foi para o IES Plurilingüe A Cachada (Boiro) co proxecto Sálvora.

Pola súa parte, o IES Monte Neme de Carballo alzouse co segundo premio coa iniciativa Senda dos Faros. De naufraxios, faros e lendas: do Cemiterio dos ingleses a Camariñas, un proxecto centrado nos mitos e lendas arredor da Costa da Morte, alimentados polos numerosos naufraxios sucedidos nas súas augas. O afundimento do buque escola inglés Serpent, cuxos 175 tripulantes falecidos descansan e dan nome ao Cemiterio dos Ingleses, é un dos feitos narrados.

Finalmente, o terceiro premio foi para o CMUS Xan Viaño de Ferrol, cun proxecto denominado A melodía do faro, a historia dun fareiro de Cabo Prior namorado da música, con interpretación do propio alumnado do centro.