A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, asinou a acta de replanteo para o inicio das obras de mellora do sistema de abastecemento do concello de Betanzos, que suporán un investimento de 1,35 millóns de euros.
A rúbrica do documento por parte da dirección da obra da Xunta e da empresa adxudicataria, Vázquez y Reino, S.L., é o paso previo ao inicio efectivo das obras de ampliación e mellora da estación potabilizadora do municipio. Os traballos, que contan cun prazo de execución de 9 meses, comezarán nas vindeiras semanas.
As actuacións teñen como obxectivo reducir o risco de desabastecemento no municipio e inclúen, tanto a ampliación da capacidade da planta municipal do Couto, como a optimización dos sistemas de tratamento, que incorporarán un pretratamento físico e químico.
A actuación tamén inclúe a modernización da xestión, ademais da urbanización da parcela na que se sitúan estas instalacións hidráulicas.
Esta intervención solucionará as carencias da actual infraestrutura, que está funcionando ao límite da súa capacidade e presenta deficiencias de funcionamento que causan episodios de turbidez reiterados, xerando molestias e preocupacións aos veciños.
Ao remate das actuacións, a estación de tratamento de auga potable terá unha capacidade máxima de 120 litros/s e dará servizo a unha poboación de 15.612 habitantes previstos para o ano horizonte de 2043.