Xunta e Concello suman esforzos para a candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade

1 minutes read

A Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol acordaron intensificar a súa colaboración para avanzar na candidatura da cidade a Patrimonio da Humanidade. Así o abordaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, no encontro telemático que mantiveron para reforzar as liñas de colaboración en marcha.

Durante o encontro, o conselleiro comprometeu todo o apoio da administración autonómica para conseguir que a cidade acade o máximo recoñecemento outorgado pola Unesco. Referiuse ao traballo feito ata agora e subliñou que é momento de dar novos pasos coordinados cara o impulso da candidatura Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración a Patrimonio Mundial.

Neste sentido, tanto o rexedor local como o conselleiro coincidiron na necesidade de deseñar un ambiente de traballo de cooperación que debe continuar cun proceso técnico sólido e rigoroso, para o que a Xunta mantén toda a súa colaboración. Por iso, fixouse un novo encontro para o vindeiro mes de marzo que permita que os técnicos podan avanzar no expediente da declaración.