De cara ao vindeiro curso as ensinanzas de Formación Profesional na comarca de Ferrolterra veranse melloradas, de xeito que se incremente a oferta formativa de calidade vinculada ás necesidades socioeconómicas desta área industrial, en atención da demanda.
Así llo trasladou o secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, aos equipos directivos do IES Leixa e do IES de Catabois, con quen mantivo unha reunión de traballo para presentarlles a folla de ruta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para esta zona.
José Luis Mira fixo especial fincapé na aposta do Goberno galego por unha maior tecnificación e innovación aplicada aos ciclos formativos e pensada para unha mellora da cualificación profesional, da empregabilidade e das condicións laborais dos mozos que optan por esta modalidade de formación.
Para tal fin, a estratexia da Xunta de Galicia é o reforzo e impulso da actual rede de Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) que en Ferrolterra se vai materializar coa posta en marcha dun novo, o CIFP de Leixa, que se engade aos que xa funcionan nestes momentos e que teñen unha ampla e recoñecida traxectoria como é o caso do Ferrolterra e o Rodolfo Ucha Piñeiro.