Vimianzo prepárase para a primavera cunha programación infantil

1 minutes read
  • Cada domingo na Casa da Cultura haberá espectáculos de teatro, humor e contacontos

O Concello de Vimianzo presentou este luns “Primavera en familia”, a programación infantil e familiar que se celebrará nos meses de marzo e abril na Casa da Cultura. Debido á situación sanitaria provocada pola Covid-19, todas as actuacións contarán cun protocolo específico de hixiene e seguridade.

O domingo 7 de marzo iníciase a programación coa obra Tódalas marabillas do mundo, da compañía Producións Dispersas, onde no escenario haberá monicreques e moita música. Sete días máis tarde, o día 14, a compañía Polo correo do vento traerá a Vimianzo un contacontos ilustrado Coñecendo a Carvalho Calero.

O domingo 21 de marzo será a quenda de Talía Teatro co espectáculo Voa, voa! para relembrar a arte de xogar coas palabras. Con este actuacións búscase que os máis cativos recuperen xogos da infancia e o vocabulario que usaban os seus pais ou avós. Finalmente, o día 28, Culturactiva achegarase a Vimianzo co espectáculo Rosalía, en homenaxe á escritora galega.

No mes de abril, o domingo 11, a compañía Teatro Calavera instalará un obradoiro científico no Pazo da Cultura para acompañar á súa obra “Os contos da bruxa Chispum: Branca e Bruxa”, contos versionados desde unha perspectiva igualitaria.

O peche final será o 25 de abril co espectáculo viral de Peter Punk Punkdemia. O mellor clow galego presenta un espectáculo viral no que, a través de 4 fases, amosará a súa particular visión da pandemia.

As representacións da “Primavera en familia” van dirixidas a un público familiar e comezarán ás 18:30h. A entrada será de balde pero será preciso reservala na Casa da Cultura.