O alumnado do ciclo medio de mergullo Técnico en Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) da Illa de Arousa -dependente da Consellería do Mar- está a realizar no Porto Exterior de Ferrol a súa formación práctica correspondente ao módulo formativo de Inmersión desde campá húmida.
Grazas á colaboración da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar) do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, o alumnado co profesorado do Igafa realiza estas prácticas coa colaboración dos profesionais do Grupo de Operacións Especiais de Salvamento Marítimo.
Esta formación, que comezou o 15 de marzo e se impartirá ata o 26 deste mes, consiste na aprendizaxe de técnicas e protocolos de inmersión en campá húmida, así como os protocolos de emerxencia a seguir. Esta ferramenta de mergullo mellora a capacidade de traballo en inmersións ata 90 metros de profundidade e proporciona seguridade aos mergulladores nas operacións de salvamento.
Os alumnos deste ciclo medio de mergullo contan coa formación máis completa posible en materia de inmersión desde campá húmida. Recíbena no Igafa, único centro de Galicia onde se imparten este tipo de ensinanzas e que foi designado Centro de Referencia Nacional de formación en mergullo.