- Os socialistas agardan poder recuperar máis de 500.000 euros para obras e servizos
A día de hoxe, o Concello de Muxía non conta co Plan Único da Deputación da Coruña, valorado en máis de 500.000 euros, que o goberno local destinaba a obras e servizos “de importante relevancia e demanda no municipio”.
Despois de que a oposición tumbase nun pleno extraordinario unha modificación do Plan de Obras e Servizos solicitada pola Deputación, o goberno do socialista Iago Toba busca recuperar uns fondos “fundamentais para o progreso e o avance do municipio”. Así, desde a Administración local xa iniciaron a toma de contacto con varios representantes do ente provincial para aclarar a situación.
“Este Plan Único é clave para levar a cabo as melloras e o avance dos municipios, sobre todo dos pequenos, e por iso intentaremos facer todo o que está nas nosas mans para que os muxiáns e muxianas non sexan os perxudicados dunha política de bloqueo”.
Por outra banda, a líder do PP local, Sandra Vilela, segue lembrándolle ao alcalde que “goberna en minoría” e que o voto a favor do POS pasa por un negocio coa oposición.