Camariñas | Dous detidos con 134 quilos de percebe, equipos de mergullo e unha embarcación

1 minutes read

O Servizo Marítimo da Garda Civil da Coruña aprehendeu 134,2 quilogramos de percebe, dous equipos completos de mergullo con aire comprimido e unha embarcación de recreo no porto de Santa Mariña en Camariñas.
Os feitos sucederon no marco dun operativo contra o furtivismo, cando foi detectada unha embarcación arribando ao Porto de Santa Maríña con catro persoas a bordo.

Dúas delas vestidas con traxe de neopreno baixáronse da embarcación e dirixíronse aos almacéns, para regresar posteriormente xa cambiados e continuar cos labores de descarga de equipos de mergullo e sacos coas capturas. O material introducírono no interior dun vehículo que tiñan na zona.

Un abandona o lugar conducindo o vehículo onde efectuaran a descarga e o outro fai o mesmo conducindo outro vehículo que actuaba de coche lanzadeira.
A forza actuante deulles o alto e detivo a ambos, comprobando que no interior dun dos turismos había 4 sacos de percebes.

Os outros dous individuos que quedaran na embarcación, tras fondear aproveitaron para darse á fuga sen poder ser identificados.
Tras unha minuciosa inspección pola zona os Gardas Civís atoparon detrás duns sacos de rede no espigón do porto, os traxes de mergullo cos que cometeran as infraccións.

A Garda Civil procedeu á confección das pertinentes denuncias por suposta infracción á Lei de Pesca de Galicia, a embarcación quedou en poder do seu titular ao dispor da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e ao comiso da captura do percebe, entregándoo no Banco de Alimentos Rías Altas da Coruña.

A Benemérita constata que se trata da maior aprehensión de percebe realizada nunha única actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.