Vimianzo renovará os camiños rurais nas parroquias de Baíñas, Serramo, Berdoias e Calo

1 minutes read
  • O orzamento das obras ascende a 68.584 euros e as empresas poden presentar as súas propostas ata o 18 deste mes

O Concello de Vimianzo segue a mellorar as infraestruturas do rural co acondicionamento e pavimentación de máis de catro quilómetros de camiños nas parroquias de Baíñas, Serramo, Berdoias e Calo. As tarefas, que se atopan actualmente en fase de licitación, contan cun orzamento total de 68.584 euros financiados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-AGADER dentro do seu plan de mellora de camiños municipais.

As actuacións levaranse a cabo nun camiño en A Gándara de Baíñas; na vía que vai de Comareiro a Novelle, en Serramo; e na Casota de Freáns, en Berdoias. Tamén se actuará na estrada que dá acceso á Gándara de Lamas, en Calo.
Os traballos permitirán renovar o pavimento das vías, que na actualidade «presenta deficiencias a causa das persistentes chuvias e do paso de vehículos agrícolas de gran peso e tamaño», sinalan desde o Goberno local. Tamén se realizarán melloras na canalización e drenaxe de pluviais.

O concelleiro de Medio Rural, Víctor Manuel Muíño Ramos, salienta a importancia de acometer estas melloras para «garantir que as persoas que viven e traballan no rural conten con vías de comunicación axeitadas, polas que se poidan desprazar con seguridade». As tarefas contan cun prazo de execución de seis meses e as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro día 18 de agosto.