Muxía investirá máis de 175.000 euros en tres contratos de obras no rural

1 minutes read

O Concello de Muxía investirá máis de 175.000 euros, con fondos do Plan Único da Deputación a Coruña, nunha aposta en firme pola mellora das infraestruturas no rural. As obras terán a catro núcleos rurais do municipio como protagonistas; Quintáns, Talón, Bardullas e Frixe. O alcalde, Iago Toba, asinou estes tres contratos cos representantes das dúas empresas construtoras que levarán a cabo estos traballos.

Detalle das intervencións

En Quintáns realizarase unha importante renovación dos camiños interiores e tamén nalgunha das vías exteriores do mesmo núcleo.

Por outra banda, levarase a cabo a mellora e acondicionamento do firme nos camiños interiores de Talón, que presentan un estado moi deteriorado polo paso do tempo e polas inclemencias meteorolóxicas.

A terceira das obras dividirase en dúas actuacións, unha en Bardullas e outra en Frixe. Nestas intervencións procederase a acondicionar e realizar unha posta a punto dos camiños, ensanches e zonas de estacionamento de ambas as dúas parroquias.

Tras a firma, o alcalde, Iago Toba, destacou “a aposta total e a demostración decidida de este grupo de goberno polos avances e a mellora das infraestruturas nas diferentes parroquias do noso rural”.