Volodímir Zelenski, novo presidente de Ucraína

1 minutes read
  • Zelenski prometeu poñer fin á guerra do leste

O humorista Volodímir Zelenski, de 41 anos, é o novo presidente de Ucraína, elixido por preto do 73% dos votantes.

Minutos despois da súa vitoria, Zelenski dirixiuse a todos os que o apoiaron para prometer solucións ante temas tan sensibles para o país como a guerra no leste de Ucraína ou a corrupción. Entre as súas primeiras reaccións, Zelenski lembraba aos soldados detidos por Rusia na rexión do Donbass. «O noso primeiro deber é traer a todos os cidadáns detidos, a todos os soldados que se atopan en prisión. Continuaremos traballando co proceso de Normandía, así como cos Acordos de Minsk. Reiniciaremos as negociacións e haberá novos nomeamentos», manifestou o presidente electo de Ucraína.

O actor, que xa interpretara ao presidente de Ucraína nunha popular serie de televisión, logrou a vitoria entre unha onda de descontento contra a clase dominante do actual goberno de Petró Poroshenko (que levaba na elite do goberno desde o ano 2014, e que só alcanzou o 24,52% dos votos). Este recoñeceu a súa derrota e anunciou que abandonará o seu posto de xefe de estado o mes próximo. «Non abandono a política, quedo para loitar por Ucraína, […] vou seguir porque o noso equipo ten que protexer os logros que conseguimos todos xuntos, os logros que alcanzamos en unión con todos os ucraínos».

Zelenski fixo referencia aos países post soviéticos, aos que animaba a mirar a Ucraína, como exemplo de país que apostou polo cambio político. Tamén é partidario do ingreso na Unión Europea (aínda que non puxo data á solicitude) e á integración á OTAN, aínda que só tras un referendo.